Menu Xerais

Xerais publicará os cadernos de viaxe, inéditos, de Lois Pereiro

O Xornal de Galicia publica unha noticia de Iago Martínez, autor de Lois Pereiro. Vida e obra, sobre un novo proxecto que Xerais prepara arredor de Lois Pereiro, a partir dos seus cadernos de viaxe, inéditos. Reproducimos a información:

Xerais prepara un volume con textos inéditos do monfortino
Incluirá apuntamentos de viaxes, un dos últimos cadernos que escribiu e un DVD coas imaxes do seu derradeiro recital, no bar Mola da Coruña en xaneiro de 1996

“Para Isabel: ela, a que exerce na luz”. Así empeza un dos últimos cadernos que escribiu Lois Pereiro antes de morrer. Un dietario que lle dedicou á persoa que llo puxera nas mans como agasallo: Isabel Romero, a muller do seu irmán Xosé Manuel. “Dietario 1996, que estou a escribir para Isabel”, confesa na primeira páxina. “É herdanza súa e soio súa: unha promesa mínima que merece dabondo. (Esperemos que as follas abonden para outro ano)”. Este Caderno para Isabel, como o alcuman provisionalmente os herdeiros do poeta monfortino, verá por primeira vez a luz a finais deste ano. Formará parte do libro co que a editorial Xerais ten previsto pechar o ronsel de publicacións arredor do autor ao que a Real Academia Galega lle dedicou este ano o Día das Letras.

O volume, ao coidado do seu irmán, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, completarase coa transcrición doutros cadernos inzados de apuntamentos das viaxes de Lois Pereiro polo mundo e un DVD coa gravación do último recital do autor de Poesía última de amor e enfermidade –no bar Moka da Coruña en xaneiro de 1996– e posibelmente tamén algunhas imaxes dun acto que compartiu con Manuel María.

O libro súmase á presada de publicacións sobre Lois Pereiro no catálogo de Xerais, que van dende a edición da poesía completa que preparou a profesora Ana Acuña ou a Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia –acompañada por outros textos dispersos en publicacións periódicas dos 80 e 90– até as distintas achegas biográficas, entre as que destaca a “aproximación comiqueira”, como a define o seu autor, de Jacobo Fernández Serrano.

Unha das últimas contribucións do selo que dirixe Manuel Bragado en Vigo titúlase Que lle podo ofrecer a quen me intente?, un volume coordinado por Anxo Angueira e Teresa Bermúdez no que se reúnen ensaios, retratos e homenaxes literarias.

Iago Martínez

Comentarios pechados