Menu Xerais

Xerais rescata medio cento de inéditos do autor de Celanova: «Birimbao. Poemas de mí para ti (1937-1939)», de Celso Emilio Ferreiro. Anotación no xornal Nós Diario

O xornal Nós Diario publicou unha anotación de Daniel Salgado sobre o libro: Birimbao. Poemas de mí para ti (1937-1939), de Celso Emilio Ferreiro, publicado por Xerais na colección: Xerais Clásicos

 

O que Celso Emilio escribiu na guerra

Xerais rescata medio cento de inéditos do autor de Celanova.

 

En 1937, Celso Emilio Ferreiro estivo ao bordo dunha morte certa. Significado dirixente da facción máis arredista das Mocidades Galeguista durante a República, aceptou a mobilización no bando nacional para salvar o pelello. Pero comentarios antifascistas nun día de permiso valéronlle prisión e risco de fusilamento. Salvouse de novo, e dese suceso nacería o estremecido poema Longa noite de pedra. Non foi esta a única interrupción do seu silencio poético daqueles anos. Francisco Xavier Ferreiro Loredo, un dos seus fillos, vén de rescatar case medio cento de poemas inéditos escritos en castelán na fronte de Asturies. Publica Xerais.

Birimbao. Poemas de mí para tí (1937-1939) ilustran así “unha época pouco coñecida de Celso Emilio”, expón o fillo a Nós Diario. Que saen á luz 40 anos despois do seu pasamento grazas a unhas fotocopias dos manuscritos orixinais. “Estaban en mans dunha profesora de Córdoba filla dun amigo do meu pai”, relata Ferreiro Loredo, “que lle enviou copias á miña nai. Pero os escritos orixinais están perdidos. Non sei porque non están no arquivo da familia”. Hai tres anos que acabou de confeccionar o traballo de exhumación.

O volume estrutura as composicións en tres partes, tituladas polo fillo do poeta. Poesía de parapetoBirimbao. Poemas de mí para tí e Memorias de mis caminos acollen versos amorosos e sobre a guerra, ás veces mesmo políticos, a vertente da súa obra que despois lle proporcionaría máis sona como escritor. “A política aparece, si, pero ao escribir desde a fronte de Asturies e no bando nacional, non era como para andar escribindo poesía política”, sinala Ferreiro Loredo. A pegada lorquiana, omnipresente na poesía en castelán daquel tempo, tamén emerxe neste Celso Emilio mozo: “Quiero volver a tu lado, / mi luna, mi abril, mi viento. / Tengo las rutas sabidas, / estoy cansado y sediento”.

Birimbao contén un limiar do crítico e biógrafo do poeta Ramón Nicolás –Máis ca un rescate literario-, e outros diversos materiais, entre eles imaxes inéditas, un importante aparello de notas, a transcrición de documentos de época, unha cronoloxía poética ou a reprodución da caligrafía de Celso Emilio en poemas do seu Cartafol de poesía, publicado en Celanova xusto antes do 18 de xullo de 1936 con, estes si, poemas en galego.

Comentarios pechados