Menu Xerais

Xesús Alonso Montero: «Castelao foi á URSS a aplaudir». Entrevista sobre «Castelao na Unión Soviética en 1938»

La Voz de Galicia publicou unha entrevista de Jorge Lamas con Xesús Alonso Montero sobre o seu novo libro

 

«Castelao foi á URSS a aplaudir»

O catedrático presenta hoxe un traballo que recolle a visita do dirixente nacionalista á Unión Soviética en 1938

Castelao na Unión Soviética en 1938 é o título do estudo que Xesús

Alonso Montero vén de publicar en Xerais.

—¿Por que foi o dirixente nacionalista á URSS?

—A historiografía nacionalista dicía que foi invitado polo Goberno da Unión Soviética porque era unha personalidade moi importante. En realidade, foi a aplaudir. O Goberno de Negrín tiña un compromiso coa URSS porque mandaba as armas para combater. Foi nunha delegación plural, na que dos vintetantos, apenas había comunistas.

—¿Que fixo alá?

—Castelao vai como un máis, aínda que as autoridades soviéticas danlle un trato axustado á súa personalidade. Foi consultado polo principal oftalmólogo ruso. Ao coñecer a súa personalidade política de nacionalista facilitáronlle que fora por varias repúblicas, sobre todo Azerbaián, para que vira como se resolvía a cuestión plurilingüística nun lugar con catro linguas.

—Pero el non era moi prosoviético.

—Coidado. O libro ten por subtítulo Filocomunismo e prosovietismo de Castelao durante a Guerra Civil. El era un home pouco de esquerdas antes do 36, pero a Guerra Civil vaille influír moito. Nos álbums Atila en Galiza e Galiza mártir aparece moita xente fusilada e masacrada, e non aparece ningún galeguista, son todos tipos de esquerdas que erguen o puño, cantan a Internacional e lle gravan aos represores Uníos Hermanos Proletarios.

—¿E por que é así? 

—É certo que houbo moitos nacionalistas asasinados, pero Castelao magnifica aos que erguen o puño porque está admirado da valentía que ten a xente dos sindicatos de esquerdas e, sobre todo, do 5.º Rexemento.

—¿Que dixo do que viu en Rusia?

—Castelao mostra moita adhesión moral ao sistema soviético. Claro que isto está dentro do clima da Guerra Civil, tamén nun momento en que certos aspectos da Unión Soviética non se cuestionan. Seguramente, sabían algo das purgas, pero debeu de haber a consigna tácita de non falar nin querer saber do tema.

Comentarios pechados