Menu Xerais

Xogo e imaxinación: «O refugallo», de Paula Carballeira. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog unha recensión crítica sobre O refugallo, de Paula Carballeira, Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, editado en colaboración con AGADIC.

 

Teatro e xogo

Paula Carballeira propón nesta obra teatral para os cativos e cativas unha representación, mais tamén un modelo de xogo infantil baseado na imaxinación e non na tecnoloxía. Nestes tempos de consolas, videoxogos e non sei cantas trangalladas máis tecnolóxicas, os personaxes da obra xogan á aventura converténdose en arriscados piratas a partir de algo tan humilde como o refugallo.

Os catro personaxes, como acontece nos xogos infantís clásicos, xogan no fondo a piratas. Un pirata ha de ter un destino onde navegar, un libro ou mapa que o dirixa e, evidentemente, tamén un barco. Claro que tampouco pode faltar o telescopio. Os cativos teñen todo, menos o barco. Mais o que si posúen é moita imaxinación e calquera pode construír un barco a partir do refugallo, como por exemplo as caixas.

Este canto á imaxinación e ao xogo de sempre exprésase cunha linguaxe moi acaída. Os xogos fónicos da escena segunda con Patagonia-pataca ou Groenlandia-dragoa son pura función lúdica da linguaxe. A conversión de Montenegro-Esparta en dous personaxes de relato ou incluso de cómic ou debuxos animados vai na mesma liña.

O bo do asunto é, ademais, que cada escena en que aparece a obra é unha especie de proposta de xogo tradicional (da tartaruga, do telescopio…) que se pode desenvolver con obxectos rescatados do refugallo. É a potenciación da capacidade imaxinativa dos cativos e cativas.

Cómpre salientar así mesmo as cancións-poemas que presenta o texto, como a derradeira, que pecha a obra. Mágoa que non leve música ou unha gravación para que a cantasen os cativos e cativas!

En canto ás ilustracións, cómpre subliñar que constitúen unha incitación a utilizar materiais de refugallo para que os rapaces e rapazas constrúan elementos para os seus xogos. Así, por exemplo, a casa da páxina 13, feita cunhas simples caixas de cartón, os caldeiros como cascos da páxina 24 ou as tinas como coirazas de tartarugas da páxina 35.

Xa que logo, obra que pode ser interpretada mesmo na clase como un xogo, que sempre excitará a imaxinación das nenas e nenos.

Como me acontece tantas veces que comento obras dirixidas a un público infantil, non podo deixar de subliñar o esforzo que supón tanto a escrita como a publicación destas obras. O ensino en galego e do galego, grazas a este esforzo, nas máis das veces sen a contraprestación duns dereitos de autor rendibles, conta cuns materiais, debidos ao esforzo persoal de autores e editoriais (que non buscan só o interese económico), que nos permiten dispor duns materiais dunha innegable calidade literaria e pedagóxica. Mágoa que moitas editoriais, especialmente foráneas, nos libros de texto de infantil e primaria traduzan sen máis os seus textos do castelán, sen lles dar acollida a estes xenuínos materiais galegos!

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!