Menu Xerais

Xosé Henrique Costas: «O Val do Ellas sempre foi un val moi rico e a xente non se dobrou ante a fala dos foráneos». Entrevista de sobre «O valego»

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo publicou unha entrevista de Lourdes VarelaXosé Henrique Costas sobre o seu libro O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura).

 

«No Val do Ellas sente moito orgullo de falar en galego»

Máis de vinte anos leva Xosé-Henrique Costas facendo visitas ao Val do Ellas, unha zona occidental da provincia de Cáceres, limítrofe con Portugal, na que os seus habitantes se expresan dende a Idade Media nunha variedade da língua galega. En O Valego (Edicións Xerais), Costas explica todo canto cómpre saber deste peculiar “fenómeno linguístico” que, claro é, ten unha explicación histórica e cientificamente contrastada.

—A que feitos históricos concretos debemos remontarnos para atopar a orixe do galego no Val do Ellas?

—Pois os datos históricos apuntan á instalación alí de poboadores traídos do sureste de Ourense e o noroeste de Zamora e centro de León,a principios do século XII e principios do XIII, polos reis galegos Fernando II e, o seu fillo, AfonsoVIII, monarcas enterrados no Panteón Real en Compostela. Estes novos poboadores mesturaríanse coa poboación autóctona, pero a lingua dominante sería a dos novos donos,a do reino de Galicia e León. Nesta empresa poboadora colaboraron os bispos galegos da Cidai (Ciudad Rodrigo) e as ordes de San Xián do Pereiro (logo Alcántara) e Santiago.

—E cales serían as claves da conservación desta variedade linguística especial do galego ata os nosos días?

—Podemos falar dun monllo especial de circunstancias: homoxeneidade linguística do grupo poboador; relativo illamento e endogamia debidos ás malas comunicacións; sentimento diferencial colectivo dos tres concellos do val fronte aos veciños portugueses, casteláns e estremeños; orgullo colectivo e actitudes positivas cara á propia lingua; e, para min, tamén, que este sempre foi un val moi rico e a xente non se dobrou ante a fala dos foráneos.

—Durante anos, e incluso agora, hai quen pensa que este dialecto non provén do galego, senón do portugués, dada a situación fronteiriza do Val de Ellas. Á marxe dos feitos históricos aos que antes nos referiamos, que outros argumentos hai para afirmar que a fala do Val de Ellas provén do galego e non do portugués?

—A ver, isto foi sempre Reino de Galicia e León, nunca foi Reino de Portugal; aquí non houbo administración nin houbo -ata moi recentemente- presenza de poboadores portugueses. Os primeiros documentos que coñecemos desta zona, do século XIII, móstrannos un tipo de lingua esencialmente galega e non portuguesa, como amosou o pai da filoloxía portuguesa, Lindley Cintra, non eu. O propio Cintra di que, hoxe, as falas do Ellas son unha continuación do tipo de lingua daqueles documentos do XIII, unha variedade galega con incrustacións leonesas. E á luz da dialectoloxía actual, as falas do Ellas teñen unha vinculación directa coas falas galegas do chamada“área zamorana”, máis que coas falas portuguesas beirás colindantes. Hai xente que pensa que son portuguesas porque están pegadas a Portugal, e castelán non son. Se non son A serán C. Pero iso é porque nunca tiveran en conta a dialectoloxía galega, nunca repararan que poderían ser B, galego, porque os estudos de dialectoloxía galega empezan a coñecerse na década de 1980. Hai tamén quen pensa que non existen falas galegas exteriores porque, de seu, xa todo galego é portugués exterior, todo galego é portugués castelanizado.Partíndomos desta premisa que nega o galego, comprenderás que xa non haxa nada que falar. Agora ben; de aplicarmos métodos dialectométricos comparativos entre as falas do Ellas e as falas galegas, portuguesas e asturleonesas -nada de impresionismos e corazonadas, medicións frías-,vemos que a coincidencia estrutural é moito maior coas falas galegas que coas outras todas,un 80% fronte a un 60%,aplicándomos para iso unha ampla batería dun cento de ítems fonético-fonolóxicos, morfolóxicos, sintácticos e léxicos.

—Hoxe en día, a xente nova aínda emprega esta fala ou soamente o fan as persoas maiores?

—Alí fálao o 90 % da xente.O 65% dos escolares fálao sempre na casa,na rúa, nos xogos… e un 10% máis alterna valego e castelán, pero na escola está vetado,non hai nada. Nos plenos municipais fálao case todo o mundo, pero as actas e a documentación están redactadas só en castelán. E así todo. Xa me gustaría ver por aquí eses falsos bilingues reclamando o dereito á educación dos fillos, odereito a que todo estea nas dúas linguas e blablablá…xa,por aquí non aparecen.

—Cal é a postura do goberno estremeño diante destas falas de orixe galega?

—Negar que sexan de orixe galega ou que teñan nada que ver con Galicia.Pero tampouco fan nada por preservalas, non as introducen na escola, na administración,nomundo asistencial, no comercio… Toda a visibilidade das falas (nas placas das rúas, na sinalética viaria, en cartelaría, en etiquetas de productos, nas festas etc.) é cousa de particulares, de empresas ou dos concellos. A Junta de Estremadura publicou unha colección de libros nos anos 1990 e non fixo máis nada. Encantaríame que fixese realmente súas estas falas e as protexese como tesouros que son, aínda que logo dixese que son vietnamitas ou tibetanas. En 2011, os partidos maioritarios opuxéronse a unha emenda do BNG no Congreso para que se recollesen estas falas como patrimonio cultural estremeño na reforma do estatuto de autonomía de Estremadura.Votaron que non a unha simple referencia. Esta é a“España plural” para algúns.

—Consérvase algún tipo de documento antigo neste galego de Estremadura?

—Consérvase, si, Como che comentei antes, os Foros de Castelo Rodrigo, do século XIII, editados por Cintra, quen dixo que o modelo de lingua destes textos, galego con leonesismos, continuaba hoxe no Ellas.

—Ademais destas falas, cos seus correspondentes topónimos, existe algunha outra pegada da cultura galega nesta zona?

—Despois de 900 anos de afastamento, fóra da lingua e da onomástica (apelidos e topónimos), que non é pouco,quedan lendas, supersticións, algún instrumento pastoril etc. Isto querería ser estudado por un especialista, un antropólogo,un etnólogo ou así.

—Se xa de de seu algúns sinalan que o propio galego corre perigo de extinción, non resulta case utópico pensar que esta variedade do antigo galego aínda se conservará dentro de dúas ou tres xeracións?

-Todo ser vivo corre perigo de extinción, pero unha cousa é morrer de seu e outra que o maten. É certo:estamos a sufrir os maiores ataques da historia contra o noso idioma, mesmo do noso propio goberno, pero tamén é certo que hoxe hai síntomas de que o galego resiste conmaior fortaleza. Con outra política lingustica, nunha xeración, a recuperación da normalidade sería un feito perfectamente encarreirado. Pero con esta xente non hai esperanza, son unha brigada de demolición, pero non só coa lingua. Pois,mira, se isto pode ser así en Galicia, no Ellas máis aínda, porque teñen un índice de uso altísimo e unhas actitudes de orgullo cara á lingua moi alicerzadas. No Ellas non hai autoodio, a xente non ten vergoña de falar,ao contrario: ten moito orgullo. Eu utilizo o Ellas como sanatorio psicolinguístico para as persoas que aquí non falan: de alá volven falando.

—Cales serían as medidas básicas e máis urxentes que se deberían tomar para preservar estas falas do Val do Ellas?

—O primeiro sería a elaboración dunha norma unificada para as tres falas. E logo, só con que se aplicasen os contidos da Parte II da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (2002) que, como tratado internacional asinado e ratificado, España está obrigada a cumprir: introdución na escola, nos concellos, no comercio,na sanidade etc.; cursos para adultos (para que a xente saiba escribir o que fala) e para mestres, funcionarios, médicos foráneos etc.; apoio das autoridades autonómicas e provinciais para a edición de materiais didácticos, libros, cd-dvd, webs etc. Só con iso xa estaría aquí o camiño da normalización medio andado.

Lourdes Varela

 

Comentarios pechados