Menu Xerais

Xosé Henrique Costas: «Se o 70% dos nenos falan nunha lingua pero logo esa lingua non existe na escola é que algo pasa». Entrevista de sobre «O valego»

Praza Pública publicou unha entrevista de Miguel PardoXosé Henrique Costas sobre o seu libro O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura) (Fotografía: Duvi).

 

“Comprobar en Estremadura o uso masivo da fala é ideal contra o autoodio dos galegos”

Xosé Henrique Costas vén de presentar O Valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura), resultado dos vinte anos de traballo e estudo do profesor na zona e sobre esta lingua, con orixe no galego e que pervive en Estremadura desde a Idade Media. O valverdeiro, o lagarteiro e o mañego son as tres falas, variedades esencialmente galegas que, malia as diferenzas entre elas constitúen un mesmo dialecto, “a terceira póla da lingua galega medieval” que continúa viva no Val do Ellas, Val de Xálima ou Os Tres Lugaris.

É esta a obra definitiva sobre o valego?

Non, para nada. O que fago nesta obra é unha recapitulación de todo o feito ata o de agora, tanto o edito como o inédito. Expoño o feito, as diversas posicións sobre o tema e abro campo de traballo. A miña sorte é saber que hai catro teses de doutoramento en marcha, tres delas de rapazas que son nativas do Val e que estudan en diferentes universidades. Hai moito labor por diante.

Que destacarías do inédito que achega esta obra?

O importante é que agora a obra preséntase como un todo e que inclúe unha parte de ensaio político-social. Xa tiña publicado sobre lexislación non aplicada nestas falas, sobre a lexislación para favorecer as minoráis lingüísticas, que é inexistente no Estado. Agora pretendo actualizar todos estes datos e interpretalos tamén de maneira ensaística. Se calquera persoa ve un cadro onde se di que o 70% dos nenos dunha zona falan nunha lingua pero logo ese idioma non existe na escola, é que está pasando algo. Hai un segundo paso, máis aló da aproximación aséptica e filolóxica que tamén se fai. Este segundo paso é o compromiso político con estas falas.

E hai compromiso político na lexislación para defender estas falas?

Non, para nada. En 2011, votouse no Congreso e no Senado a última reforma do Estatuto de Autonomía de Estremadura. O BNG introduciu unha emenda para que se recoñecese a fala e o portugués de Olivenza como patrimonio cultural de Estremadura. Non se pedía oficialización e nin tan sequera se nomeaba a lingua como galega para non ofender, pero todos os partidos, agás os nacionalistas, votaron en contra. Nin tan sequera aceptaron unha mínima mención para que se recoñecese a existencia dun patrimonio lingüístico. Só hai unha declaración de Ben de Interese Cultural do ano 2002, que non compromete nin obriga a nada e que non vale para nada.

Non é unha contradición que un Goberno como estremeño, firme impulsor do portugués, renegue deste patrimonio lingüístico?

É totalmente contraditorio. En Olivenza, por exemplo, non hai nada escrito en portugués, e é o territorio onde eu vin ou autoodio máis grande arredor dunha lingua. Traducen os seus propios apelidos, non recoñecen a lingua que falan os seus avós e pais na casa e presumen da súa españolidade por riba de todo. Teñen clase de portugués no instituto, pero estúdano como podían estudar alemán ou húngaro. Á hora da verdade, non se lles ocorre empregar o portugués para nada nos bandos ou nos plenos municipais. Non obstante, no Val do Ellas teñen todas as rúas rotuladas nas súas falas desde 1991 e fano e escríbeno como poden. Presumen e están orgullosos dun idioma ao que non teñen acceso na escola, onde si poden estudar portugués.

Fala normalización pero sobre todo normativización?

Falta unha normativización que non pode ser nin á portuguesa, nin totalmente á galega. O 90% da xente fala nalgún destes tres dialectos no Val e, das tres variedades, o valverdeiro é o máis próximo ao galego.

Ou sexa, falan galego…

Está moi ben a solución de compromiso que lle buscou Juan Carrasco, un catedrático de portugués de Estremadura, que a chamou a terceira póla do galego-portugués. E é evidente que é así, porque por un lado están as falas galegas, por outro as falas portuguesas e logo estas tres, pero estas tres falas non naceron do tronco común, senón que naceron da póla galega.

A Junta de Estremadura fai pouco pola normalización e oficialización das falas, e a Xunta?

Nada. A Xunta meteuse algo, pero só durante o bipartito. A Universidade de Vigo, por exemplo, fixera un curso de verán alí sobre as falas e convidaramos ao vicepresidente Anxo Quintana, que se entrevistara co daquela presidente estremeño, Fernández Vara, a quen lle manifestara o orgullo e emoción que lle supoñía aos galegos ao identificarse con aquelas linguas. Non houbo máis.

As maiores diferenzas co galego son fonéticas?

Hai diferenzas fonéticas, porque por exemplo non teñen vogais abertas, pero tampouco ditongan. Hai variacións entre as tres falas, pero diferenzas que aquí son macrodiferenzas pero alí son microdiferenzas. Media Galicia di cerdeira e outra media di cererxeira; pois alí nun concello din unha cousa e no outro, a outra. O mesmo ocorre con fungueiro, estadullo ou estaluncho. Aquilo non é exactamente galego, pero se a algo se lle parece é ao galego.

Hai quen di que é un portugués castelanizado.

Dicir iso é como dicir que o galego non exite e que é un portugués castelanizado, e eu négome a ese recoñecemento. Ademais, alí Portugal nunca pintou nada porque nunca houbo reino de Portugal alí presente en toda a historia. Sempre foi Reino de Galicia e León ata que logo foi absorbido por Castela. Do mesmo xeito, os portugueses sempre foron considerados inimigos porque houbo moitas batallas fronteirizas, e ata 1940 non houbo estrada co país veciño. Estaban separados por máis de vinte quilómetros da primeira poboación portuguesa, con serras e montañas polo medio. A única comunicación que había era cos contrabandistas.

Os habitantes do Val reciben con cariño os galegos que se interesan pola súa fala ou están xa cansos?

Están encantados. En canto escoitan falar a un galego xa che empezan a contar historias e a reivindicar a súa fala. Hai unha retroalimentación porque nós tamén nos quedamos abraiados pola súa maneira de falar e a eles encántalles que alguén se preocupe pola súa lingua, da que se senten aínda máis orgullosos. Durante moitos anos, empreguei aquela zona como sanatorio para curar a doenza do autoodio.

Por que?

Levaba alí alumnos e comprobaban como todo o mundo falaba e reivindicaba a súa fala. Os pijos, os malotes, as rapazas novas… Todos falaban a súa fala, mentres nós os galegos non facemos o mesmo. “Como esta xente o fala e o defende tanto?”, preguntábanse. Unha alumna da última fornada que viaxou alí díxome unha cousa que aínda lembro: “Aquí vas á discoteca e ata che entran en galego!”. Isto é ideal para curar o autoodio dos galegos.

Miguel Pardo

Comentarios pechados