Menu Xerais

Xosé Neira Vilas fala de «Presenza galega en Cuba»

A Nosa Terra recolle a entrevista a Xosé Neira Vilas realizada por Europa Press con motivo da presentación na Feira do Libro da Coruña de Presenza galega en Cuba.

Neira definiu este seu libro máis recente na colección Crónica como “unha síntese” de historias de emigrantes nacidos en Galiza e que estiveron parte a súa vida na illa caribeña como Curros Enríquez ou Alexandre Rodríguez, autor da canción ‘Quéreme moito’. Neste sentido, Vilas fala no seu libro dunhas oitocentas persoas de orixe galega en Cuba, entre os que se atopan personaxes singulares como “o cabaleiro de París nacido na Fonsagrada”. “Un tolo que ten dúas estatuas na Habana” e do que existe “unha bibliografía amplísima porque cando nun xornal non había nada que pór, ían entrevistalo”. Na súa obra analiza a importancia do nexo entre Cuba e Galiza, onde destaca que “alí se estreou o Himno galego” o 20 de decembro de 1907, á vez que apunta que foi nesa illa onde “ondeou por primeira vez a bandeira de Galiza o 25 de xullo de 1904, na fachada do Centro Galego”. Xunto a isto, remarcou que “os emigrados querían símbolos pero non os tiñan”, polo que tomaron como modelo a bandeira da Comandancia do porto da Coruña que é branca cunha franxa azul, e que Murguía adoptou.

Comentarios pechados