Menu Xerais

Xosé Ramón Pena, entrevista en «Faro de Vigo»

2008-12-13_img_2008-12-06_02_06_00_pag2Foto: Eli Regueira

Xosé Ramón Pena é entrevistado en Faro de Vigo con motivo da aparición nas librarías d’ A batalla do paraíso triste, a súa máis recente novela publicada en Xerais Narrativa. Recollemos algúns parágrafos desta entrevista da que aparece un extracto na edición dixital do xornal vigués:

xg00159701–Como xurdiu A batalla do paraíso triste?
–Hai uns vinte anos, máis ou menos, tiven noticia da existencia do movemento ultra-fascista portugués dos “camisas azuis” de Rolão Preto. Tamén escoitei daquela que Preto lle dixera a Salazar –a quen, por outra banda, consideraba un burgués, non un fascista– que Portugal tiña que anexionarse Galiza. Mesmo houbo un plan que estudou a posibilidade de levar a cabo esta anexión, durante a Guerra Civil española. Chamoume moitísimo a atención, pero naquela época non puiden sacar máis información: as comunicacións con Portugal eran complicadas, os arquivos non estaban abertos… e funo deixando. Por outra banda, co paso dos anos comecei unha historia que foi o antecedente da de Fernando Freitas, o protagonista da novela, e a actriz de revistas Catarina Gusmão. E hai un momento en que empezo outra vez a interesarme pola historia portuguesa desa época, e cadrábame moi ben situar a estes personaxes neste contexto. Púxenme a experimentar, a historia empezou a tirar cunha forza enorme, e o resultado é esta novela.

Comentarios pechados