Menu Xerais

Xurxo Lobato: «Este libro é un tributo visual á vaca»

Galicia hoxe e El Correo Gallego publican unha reportaxe con motivo da presentación este serán na Coruña de No país das vacas, o libro de Xurxo Lobato.

É, en palabras do seu autor, o fotógrafo galego Xurxo Lobato, “un tributo visual á vaca”, un libro para “explicar como vive, de que vive e quen vive” deste animal icónico da nosa cultura e do noso sistema socioeconómico. Coa contribución de literatos, xornalistas, creadores, historiadores, críticos de arte e empresarios No país das vacas -o libro que acaba de publicar Edicións Xerais con imaxes captadas polo propio Lobato- é máis que “un catálogo de fotos bonitas e estampas bucólicas”.

O seu obxectivo, sinala o fotoxornalista, “é que despois de ler e de mirar este libro coñezamos un pouco mellor o país das vacas, saibamos da súa importancia na sociedade galega, convertamos a vaca nunha das nosas iconas de identidade e a defendamos para, así, poder sentirnos orgullosos de ser o país das vacas, e dos bois”. Algo dese orgullo vacún cífrase nunha frase de Castelao que inaugura o volume: “O día que nós emitamos papel-moeda non estamparemos nel o retrato dos políticos, nin dos sabios, nin dos artistas; estampariamos, somentes, a figura dunha vaca, como símbolo da nosa economía humanamente distribuída”.

A meirande parte das voces que concorren neste libro inciden nese carácter simbólico -“totémico”, como sinala no seu texto a historiadora de arte e comisaria da exposición Mu, Fátima Otero- pero tamén na súa importancia histórica, nun país marcado fondamente pola súa dependencia do agro e no que o sector lácteo segue a subsistir con dificultades no complexo eido das economías globalizadas.

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, refírese á “gran dimensión afectiva do animal” e Lourenzo Fernández Prieto, profesor de historia da USC, traza no pequeno e interesante ensaio Inventando a vaca: do reino das rubias ao reino das pintas unha panorámica de cifras, datos e datas, que sitúa con claridade e acerto o relevo do sector agropecuario en Galicia ao longo dos séculos.

Xosé Turnes Paredes e Julián Rodríguez, cunha análise da situación do sector lácteo, achegan os textos principais deste libro no que participan, entre moitos outros, Miguel Conde, Xosé Díaz, Felipe Senén, X. Amancio Liñares Giraut, Antón Losada, Méndez Ferrín, José Luis Méndez, Rosalía Mera, Flavio Morganti, Teresa Moure, Núñez Centella, Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro, Miguel Anxo Seixas, Suso de Toro e Maximino Viaño.

Comentarios pechados