Menu Xerais

Xurxo Martínez González: «Vigo sempre demostrou vivir á marxe das institucións». Entrevista en «Praza Pública» sobre: «Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde»

 

 

O xornal Praza Pública publicou unha entrevista de Ana G. Liste ao filólogo e escritor Xurxo Martínez González sobre o libro: Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde, publicado por Xerais na colección Grandes Obras – Edicións Singulares. (Imaxe: Praza Pública)


Xurxo Martínez González: “O oficialismo chámanos a nós marxes e decidimos situarnos nelas para reivindicalas como a historia propia de Vigo”

Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde vén para ″reconstruír o mellor da historia viguesa, a do Vigo humilde, loitador e solidario″. Así define este libro o mestre e editor Manuel Bragado nas primeiras páxinas dunha obra creada polo filólogo Xurxo Martínez e polo deseñador gráfico David Rodríguez, que vén de publicar Edicións Xerais.

Con Xurxo Martínez (Coia, Vigo, 1984) adentrámonos nun proxecto que naceu coa vontade contar a historia da cidade desde a perspectiva das clases populares, fuxindo dos relatos oficiais que permanecen na memoria colectiva e nos que predominan só un determinado tipo de nomes.

Este mércores, os autores presentaron a obra xunto ao director de Xerais, Fran Alonso, na fortaleza do monte do Castro de Vigo. Decidiron convocar nun espazo público este primeiro acto, que agardan que se poida repetir en forma de roteiros pola cidade. Da mesma maneira que lles gustaría levar o libro polos institutos no vindeiro curso.

Cal é a intención do libro?

Isto xa era un proxecto de antigo. Cando David e eu estabamos no colectivo cultural A nave das ideas, xa hai anos, queríamos montar unha especie de mapa interactivo con lugares e historias desde abaixo. Fixemos algúns vídeos pero agora acabou como un libro. A intención é recoller sucesos e persoas que representen a memoria popular de Vigo. Nós situámonos na corrente historiográfica da Historia desde abaixo, é dicir, contar a Historia desde a tradición obreira, labrega, popular… e que a xente identifique eses sucesos e esas persoas que normalmente non aparecen na Historia oficial.

Por que Marxes?

Porque responden ao que está no límite de fóra. Parece que a historia de abaixo, popular, queda sempre á marxe, fóra do relato oficial. E pensamos que este era un título que podía representar esta visión. Nós estamos nesas marxes. O oficialismo chámanos a nós marxes e decidimos situarnos nelas para reivindicalas como a historia propia.

Que lle pode aportar este libro a alguén que é de Vigo?

Para a xente que é de Vigo o libro serve para poñerlle rostro e nome a moitas figuras que foron cruciais nas súas vidas cotiás e que non o saben. Heraclio Botana loitou contra a explotación infantil no traballo e houbo folgas e mobilizacións ata que se conseguiu acabar coa explotación infantil en Vigo, pero pouca xente sabe poñerlle cara hoxe. María Araújo conseguiu o seguro de maternidade despois dunha loita coas folgas das mulleres da conserva de Vigo, pero tampouco se lle pon nome hoxe. Parece que todo o fan os Gobernos e foron logros conseguidos pola mobilización obreira.

Despois hai sitios polos que a xente pasa, pero descoñece a súa historia. Póñense diante dos monumentos pero non saben que ao lado dese monumento hai un edificio no que estivo o estudo de Urbano Lugrís, ou a casa na que viviu Manuel Antonio durante anos. É recoñecer a cidade, poñerlle rostro aos edificios e saber que aí pasou algo.

E ás persoas que son de fóra da cidade?

Aquí hai sucesos que afectaron a toda Galicia. As folgas do 72, do naval e Citroën, foron un propulsor da democracia en Galicia. A xente ten que saber que pasou aí, e nós non contamos nin o que contou o réxime nin o que di a tradición do Partido Comunista; aquí facemos un contraste co que pensaba a organización obreira, a escisión do PC que despois derivou nos Grapo.

Ademais, falamos de feitos que tocan a toda Galicia pero os centramos en Vigo: como as revoltas irmandiñas. E de Gómez Román e a súa importancia na arquitectura galega. Creo que aínda que o libro está moi dirixido á xente de Vigo, alguén de fóra pode descubrir capítulos que nos afectan a todos, como o da emigración a América e as condicións de escravitude nas que traballaron os migrantes galegos nos anos 50.

No libro aparecen referencias industriais desaparecidas como a fábrica de Álvarez e historias dun naval que pode estar a piques de desaparecer tamén. É isto tamén unha guía da memoria colectiva?

Pensámolo como unha guía, para que a xente o poida ler como un libro na casa pero tamén o poida levar de ruta pola cidade. Existe a memoria do naval, de Barreras en concreto, e aínda existe a fábrica de Álvarez aínda que está desmantelada e semella unha sabana alí en Cabral. As persoas que vivimos agora sabémola identificar, pero ao mellor dentro duns anos cando o acaben de derrubar acabouse… O que queremos é perpetuar esa memoria.

Onde estaba o local da cooperativa socialista obreira de Vigo? Cando non había sanidade pública era quen puña os médicos. Cando había folgas e a xente non tiña como manterse no día a día, era esta cooperativa a que puña os cartos, e os labregos poñían as comidas: se a alguén lle sobraban unhas patacas ou unhas fabas levábaas para as familias en folga. Toda esa memoria en Vigo parece que está borrada e nós queremos explicar que moitos dos logros do sistema público se conseguiron despois de moitos esforzos e sacrificios das clases populares. Queremos que cando alguén vaia pola rúa Pi i Margall saiba que alí estaba a cooperativa socialista obreira, onde se deron servizos públicos cando as institucións estaban contra o pobo.

Ata que punto cre que seguen as institucións en Vigo contra o pobo?

Vigo sempre demostrou vivir á marxe das institucións. Se as institucións queren apoiar os movementos culturais, obreiros ou agrarios, pois benvidas sexan. Están para algo e teñen que saber de que lado queren estar. Pero Vigo móvese a un ritmo que non espera pola subvención. Podemos falar de cousas recentes como pode ser o movemento Rompente, que foi toda unha revolución na literatura galega e publicaron o Con pólvora e magnolias de Ferrín, ou de Atlántica e a súa revolución pictórica que tamén se produciu aquí, á marxe do oficialismo e das institucións. Queiran ou non, na cidade hai propulsores de arte, do movemento obreiro e de movementos asociativos e as institucións teñen que saber de que lado queren estar. En Vigo, as institucións prefiren promocionar un dinoseto cando nesa mesma praza está o Sereo de Leiro.

Pero a xente apoia esas escollas, así o demostran as eleccións municipais da última década, non?

Si, pero nós non estamos de acordo con ese modelo de cultura e tratamos de propugnar outro. Non temos que renunciar a propoñer outras fórmulas, outros espazos culturais e outros recoñecemos da cidade de tradición obreira e artística que é Vigo. Aquí se publican Cantares Gallegos de Rosalía de Castro e é onde están asentadas as principais editoriais de Galicia e, porén, a imaxe que se transmite de Vigo é un dinoseto ou unha praza cun polbo en forma de mosaico.

Queremos que se saiba que o que se conseguiu a nivel cultural, sindical ou político foi feito por persoas que compartían con nós o mesmo espazo no barrio. Sempre se fala do que se conta ao calor da lareira nas casas aldeás e eu pregúntome, nas casas urbanas que se conta nas cociñas? Eu na miña casa escoitaba as folgas e desde a ventá vía como subían os do naval e paraban toda a avenida de Castelao. Esta é a memoria que nós non podemos perder porque moitos dos dereitos que temos hoxe no cotiá debémosllos a esta xente.

Que foi o que máis lle chamou a atención preparando o libro?

Cando comecei escribir non sabía que ían ser corenta relatos, fun desenvolvendo ideas despois de moitas lecturas académicas ou da revista do Instituto de Estudios Vigueses. Non tiña un guión, pero quería contar as anécdotas curiosas que me quedaran na cabeza. Por exemplo, a guerra tiña que estar no libro porque moita xente en Vigo non sabe que foi o frontón de María Berdiales, onde estaban os presos hacinados. E eu teño escoitado historias de que cando os falanxistas entraban pola noite alí pasábanlles por enriba porque non había nin sitio onde pisar. Pensamos que todos os capítulos teñen a súa curiosidade.

Comentarios pechados